Ir al contenido principal

Solombo de porco en prebe de Pedro Ximénez

Por razóns que non veñen ó caso, levo algún tempo sen atender este blog. A partires de hoxe penso que o irei retomando pouco a pouco. Neste tempo pasaron, entre outras cousas, unha etapa do Camiño, unha xuntanza moi entrañable con un xantar nun emprazamento simplemente fantástico, a visita a unha bodega e algunha que outra receita que fun facendo. De todo elo irei dando conta en próximas entradas.
Para facer o prato que hoxe nos ocupa, para catro persoas, imos a precisar do seguinte:


Solombos de porco (vos xa veredes en función do tamaño e do saque dos comensais), coido que un pequeno por persoa.
1 cebola grande
250 ml de caldo de polo
125 ml de Pedro Ximénez
1 cullerada de fariña
Aceite, sal e pementa


Para facer este prato, rápido e aparente, faremos do seguinte xeito:
Cortamos a cebola en xuliana fina, deixámolas facer nunha cazola con aceite, Facémola a lume brando ata que se poña transparente.
Nese tempo despoxamos os solombos das graxas que traia, salpimentámolos e poñémolos a dourar nunha tixola con aceite. Reservamos.
Na mesma tixola que fixemos os solombos, botamos o Pedro Ximénez (ollo salta coma un demo). Removémolo ben raspando o fondo da tixola (desglasar), para que colla tódolos sabores da carne. Reservamos.
Como a cebola seguramente xa estará, botámoslle a cullerada de fariña, remexemos para que colla algo de cor, sen deixar que se queime. Botamos na cazola da cebola o Pedro Ximénez reservado na tixola. Remexemos uns segundos e engadimos os solombos e o caldo de polo quente.
Deixámolo facer uns vinte minutos para que o prebe vaia collendo corpo.
Opcións: pódelo presentar nunha soa peza ou ben, despois de feito, cortalo e medallóns e darlles uns segundos de fervor no prebe.
Como guarnición podémoslle por un arroz branco, unhas boliñas de pataca ou un milfollas de froitos da terra (cebola, cabaciña e tomate todo cortado en rodelas e feito a prancha). 
Bo proveito.