Ir al contenido principal

Empanada de zorza e queixo Arzúa-Ulloa

 Ir á receita en castelán

O outro día un cociñeiro amigo, Iván Méndez, puxo unha foto de unha empanada de zorza que estaba a facer.
A min quedoume o antoxo e hoxe foi ó forno.
Para os non coñecedores do produto, direi que a zorza é a masa ca que se enchen os chourizos. É unha mestura a base de magro de porco, graxas, pementón, loureiro, ourego e sal.
O queixo Arzúa Ulloa é un queixo de pasta branda, que se fai exclusivamente con leite de vaca (fresca ou pasteurizada). Debe o seu nome á zona de Arzúa Ulloa que é de onde proven. É un queixo de moita tradición en Galicia e que tamén ten a súa versión en forma de curado.
No que respecta á receita, non sei si esta é a forma correcta de facela (era a primeira vez que a facía). Hai quen fai un sofrito de cebola e pemento vermello, que mestura ca zorza, eu non o fixen.

  • 400 grs de fariña
  • 125 ml de aceite de oliva
  • 125 ml de leite
  • 125 ml de viño branco
  • 1 ovo batido
  • 1 ovo para pincelar
  • Zorza
  • Queixo Arzúa-Ulloa
Unha nota ó respecto da masa, cada quen que faga a que teña costume, incluso o uso de algunha masa fresca que venden. Esta masa figura no receitario de Álvaro Cunqueiro en Cocina Gallega, baixo o título de Masa al momento. Non necesita repouso.
  1. Para a masa poñemos nun bol a fariña, que lle faremos un oco no medio. Vertemos todos os líquidos, un belisco de sal e remexemos ata que se integren todos os ingredientes e se poda manexar cas mans. Se vemos que fose necesario imos incorporando algo de fariña.
  2. Dividimos a masa en dúas partes e estiramos unha delas, que poñeremos sobre un papel de forno, que estará xa na bandexa do forno e untado con aceite. 
  3. Estendemos a zorza, en cru, sobre a masa que fai de base e por riba anacos de queixo.
  4. Estiramos a outra metade de masa e cubrimos a empanada, que pintaremos con ovo batido e faremos un burato no centro para que saia o vapor da cocción.
  5. Teremos o forno prequecido a 190º e cocemos a empanada uns 30 minutos. De todos os xeitos, xa imos vendo a cor que vai tomando.
Xa vedes en que pouco tempo e sen moito traballo imos a levar a nosa mesa unha rica empanada.


Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es
No Facebock: http://www.facebook.com/boproveito