Ir al contenido principal

Muffins de tomates secos e mozzarella

Ir á receita en castelán
  • 1 ovo
  • 60 grs de manteiga
  • 60 grs de azucre
  • 80 ml de leite
  • 135 grs de fariña
  • 1 culler pequena de lévedo en po
  • Noces
  • 3/4 bola de mozzarella
  • 6 ou 7 tomates secos en aceite
  • Follas de alfábega
  • Queixo crema
  • Sal e pementa



@s que me coñecedes na distancia corta, sabedes que non son moi partidario de usar nomes noutro idioma, cando temos a palabra precisa no noso. Pero vou facer unha excepción e voulle chamar "muffins" as madalenas de toda a vida, "cupcakes" xa me parecía excesivo.
Vaia por diante o meu respecto por tod@s @s seguidores de este xeito de presentar as madalenas.
A receita que nos ocupa, vai na liña do contraste doce/salgado. Dubidei de incorporar o azucre, pero coido que foi un acerto.
Cas medidas que se dan saen uns 10 "muffins".
  1. Poñemos o forno a prequecer a 180º
  2. Escoamos a mozzarella e secamos os tomates. Picamos xunto ca alfábega e reservamos.
  3. Nun bol batemos o ovo, o azucre e a manteiga en pomada, ate que a mestura quede espumosa.
  4. Engadimos a leite, a fariña (tamizada) e o lévedo. Batemos ate obter unha textura de crema lixeira.
  5. Incorporamos á masa a mozzarella, os tomates e a alfábega reservados e completamos con noces groseiramente picadas. Salpimentamos e mesturamos ben o conxunto.
  6. Enchemos os moldes de papel das madalenas e levamos ó forno uns 20 minutos. Deben de quedar firmes ó tacto. Pasado o tempo retiramos e deixamos arrefriar.
  7. Mentres se fan os "muffins", nun pequeno bol batemos un pouco queixo crema, ó que lle podemos engadir sal e pementa e un tomate moi picado.
  8. Para o servizo, poremos unha cullerada pequena da preparación do queixo fresco, un par de noces picadas por riba e unha folla de alfábega.
Eu simplemente puxen a cullerada do queixo por riba do "muffin", sen máis. Pero, podedes metelo nunha manga pasteleira con boca rizada e cubrilo de xeito máis ornamental.
O dito, unha deliciosa mestura doce salgada, cun trío que sempre funciona moi ben: mozzarella, tomate e alfábega.

Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es