Ir á receita en castelán
- 600 grs de peixe sapo
- 4 patacas medianas
- 1 porro
- 1 penca de apio (opcional)
- 1/2 cebola
- 3 dentes de allo negro
- 1 cullerada de polpa de pemento choriceiro
- Caldo de peixe
- Aceite, sal e pementa
Estamos diante dun guiso eminentemente mariñeiro, diante dun marmitako de peixe sapo.
Cando falamos de marmitako, deseguido o asociamos co bonito, pero na súa orixe era ese guiso mariñeiro que se facía nos barcos de faena e que levaba o peixe que se collera no momento.
Como vedes nos ingredientes traio a miña cociña o allo negro por primeira vez. De sabor lixeiramente doce e máis dixestivo co allo normal.
Tamén me permito a licencia de introducir o apio (opcional) no guiso. Vaille a aportar ese toque especial que da este vexetal e que a min non me disgustou.
- Preparamos o peixe sapo e cortamos en anacos. Reservamos.
- Picamos a cebola, o porro, o allo en láminas, o apio e cortamos as patacas, triscando na parte final do corte para que o amidón que solta nos engorde o prebe.
- Poñemos aceite nunha cazola e incorporamos a cebola e o porro. Deixamos que se vaia facendo e engadimos o allo. Deixamos ate que a cebola estea branda.
- Collemos o apio e as patacas e incorporamos a cazola e remexemos todo o conxunto un par de minutos.
- Cubrimos o conxunto co caldo de peixe, engadimos a cullerada de polpa de pemento choriceiro, a sal e un toque de pementa. Deixamos facer a lume brando.
- Salpimentamos os anacos de rape reservados e incorporamos o noso guiso, cando vemos que as patacas xa están listas. Non remexemos con ningún utensilio, remexemos con movementos de cazola e deixamos que se faga uns tres minutos.
- Retiramos e deixamos repousar outros tres minutos, para que se termine de facer o peixe sapo co calor residual.
Levamos este guiso mariñeiro a nosa mesa e acompañaremos de un bo pan, pois seguro que todos ides a facer sopas co mesmo.
Nota:
Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder
directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades
por un destes dous camiños:
No correo: olivarela@hotmail.es
No Facebock: http://www.facebook.com/boproveito