Ir al contenido principal

Sopa de fideos con ameixas e gambas

Ir á receita en castelán
  • 200 grs de fideos
  • 200 grs de ameixas
  • 200 grs de gambas
  • 1 cebola mediana
  • 1/2 pemento vermello
  • 1 porro
  • 1 dente de allo
  • 1 tomate grande
  • Azafrán
  • Aceite de oliva
  • Pementa negra
  • Pementón, pirixel e sal
Pasados os excesos de Don Carnal, deixamos atrás eses cocidos pantagruélicos do Entroido.
Tempo no que xogamos a ser outros, divertímonos, bebemos, comemos e sobre todo rimos sempre en boa compaña.
Que ten o Don Carnal, que como continuación ven Dona Coresma e con ela outro tipo de gastronomía adecuada ó momento.
A gastronomía de Coresma está moi ligada os produtos do mar, por mor das abstencións de carne. Ademais se garden ou non, teñen un efecto depurativo despois de tanto exceso. Pero non por elo é unha gastronomía menos saborosa.
Entón, e atendendo ó exposto, imos con unha sopa de auténtica vixilia.
Poñemos as ameixas en auga con sal (unha proporción de 60 grs. de sal por litro de auga) durante un par de horas, para que expulsen as impurezas.
Pelamos as gambas reservando as cabezas e as peladuras para facer o caldo da sopa.
Para o caldo poñemos aceite nunha cazola e refogamos o porro xunto cas cabezas e peladuras das gambas uns minutos, procurando esmagar as cabezas para que solten o seu zume. Salgamos e botamos auga, deixando facer uns 15 minutos. Escoamos.
Mentres se fai o caldo picamos a cebola, o allo, o pemento e o tomate sen pebidas.
Nunha cazola con aceite botamos a cebola picada que deixaremos pochar, a continuación o allo, o pemento e o tomate. Cando todas as verduras estean pochadas, engadimos o caldo preparado e trituramos ben o conxunto.
Engadimos o azafrán, o pementón e poñemos a ferver. Nese punto incorporamos os fideos, as ameixas (pasadas por un chorro de auga) e as gambas. Poñemos a punto de sal e pementa.
Eu usei fideos de cocción rápida e en catro/cinco minutos estaba todo no seu punto.
Se vedes que fixera falta algo máis de líquido, completaremos con caldo de pescado.
Á mesa quente e podemos botar un pouco de pirixel picado por riba. 

Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es