Ir al contenido principal

Xarda en escabeche lixeiro sobre brotes de ensalada

Ir á receita en castelán

Queridos e queridas, o Don Carnal marchou e temos xa instalada a Sra. Coresma.
Esta Sra. é moi súa e trae con ela os seus propios hábitos de comidas, polo tanto iremos dándolle cabida, neste blog, a algúns das comidas que poderían ser propias do tempo que estamos a pasar.
Atendendo ó anteriormente exposto, faremos hoxe unha ensalada con xarda (caballa) que escabecharemos.
Para ir co prato precisaremos:

3 xardas de ración
Brotes de ensalada
1 cebola doce
3 dentes de allo
Romeiro, tomiño e loureiro
1/2 culler de pementa en grao
Vinagre de viño
Aceite de oliva e sal

Ó mercar as xardas, pedimos que lle quiten as cabezas e que nolas abran, quitando a espiña central. Xa na casa e pensando que vai para unha ensalada, deberíamos retirar cunhas pinzas as espiñas laterais. Os voso comensais van a agradecelo.
Poemos ó lume unha cazola co suficiente aceite para que as xardas queden cubertas. Colocamos as xardas, os allos, as herbas e a pementa. Facemos durante uns 12 minutos sen que a temperatura pase dos 80º. Veredes que estará feita cando mude a cor.
Escoamos os lombos das xardas, quitamos a pel e poñemos de forma ordenada nun prato, cubrimos ca cebola cortada en plumas finas, aliñamos co aceite de confeitalas e incorporamos un chorro de vinagre. Deixamos atempar.
No prato de servizo poñemos unha base de follas de brotes de ensalada, salgamos e aliñamos co aceite do confeitado das xardas. Por riba das follas poñemos os lombos das xardas e unhas plumas de cebola. Como cando se fixo a receita o meu romeiro estaba en flor e incorporeinas á ensalada.
Na segunda foto dou unhas suxerencias de presentación.
Unha rica ensalada que por si sola fai un prato moi completo.

Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es