Ir al contenido principal

Pasthida (cociña sefardí)

Ir á receita en castelán

Na última feira de Xantar, que se celebrou fai unha semana, asistín a un taller de comida sefardí.
Nese taller elaboraron este prato do que hoxe vos traio a receita.
Estiben a buscala na rede, por si se me escapara algún matiz, pero non atopei ningunha referencia da mesma. A única referencia que teño é a do cociñeiro que diu o taller.
O salmón e o bonito, obxecto desta receita, son dos peixes admitidos na cociña sefardí, non así os pescados planos e os mariscos.
Pois para este rico prato sefardí precisaremos (as medidas son postas por min, segundo me ditaba o sentido común):

1 lámina de masa follada
1 cebola pequena
150 grs de champiñóns
250 grs de salmón (limpo de pel e espiñas)
50 ml de tona
35 grs de noces picadas
100 grs de queixo cheedar
100 grs de bonito
100 grs de espárragos brancos
1 cullerada de mahonesa
1 ovo
Pementón agridoce de La Vera
Pan relado
Améndoas picadas

Pois poñémonos mans á obra e comenzamos picando a cebola fina, que poñemos a pochar nun pouco de aceite a lume brando.
Mentres se fai a cebola, cortamos os champiñóns en anacos e salteamos nun pouco de aceite. Salpimentamos.
Cando a cebola xa estea no seu punto, engadimos os champiñóns salteados e damos unha volta ó conxunto.
Teremos o salmón cortado en dados, e insisto ben limpo de espiñas (non sería agradable atopar unha na boca), que incorporaremos a nosa preparación.
Facemos uns minutos pero sin deixar que o salmón se seque.
Regamos o conxunto ca tona e remexemos para que todos os elementos se integren.
Botamos o pementón, as noces e o queixo cheedar cortado en cubos. Deixamos facer todo o conxunto e engadimos un pouco de pan relado.
Xa fora do lume incorporamos o bonito (na tempada do bonito este debe ser fresco y confitarse antes de incorporalo, pero hoxe facémolo con un bo bonito en conserva), os espárragos e a cullerada de mahonesa. Mesturamos todo ben e deixamos atempar.
Estiramos a masa follada e picamos por toda a superficie cun garfo. Na parte central da masa botamos un pouco de pan relado (para que absorba humidade) e as améndoas picadas.
Repartimos pola parte central da masa o preparado anterior e pechamos a masa cas solapas laterais.
Batemos o ovo e pintamos o paquete feito. Damos uns cortes transversais e levamos ó forno, prequecido a 200º, uns 25/30 minutos.
Deixamos atempar e presentamos cortado en rodelas que podemos napar cun pouco de bechamel.
Un prato cun delicioso sabor e no que resulta agradable atopar o crocante dos froitos secos.

Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es