Ir al contenido principal

Polbo a feira reconstruido

Ir a receita en castelán

Antes de nada quero pedir desculpas polo rimbombante do nome da entrada.
O único que pretendo é divertirme facendo un petisco e xogar a combinar de outro xeito, algúns dos ingredientes que compoñen o polbo a feira.
Non pretendo, nin creo que o faga, faltarlle ó respecto a un prato tan tradicional e tan noso. Repito soamente pretendo divertirme na miña cociña e si por riba vos gusta mellor.
Dicía Marcelo Tejedor, hai uns anos, nunha entrevista para a revista Coren, que xa lle gustaría que no futuro o recordaran por ser o creador dun prato coma o polbo a feira.
Coido que está todo dito.
Pois entón, para o noso petisco necesitaremos:

Polbo cocido
Pataca cocida
1 ovo
1/2 dente de allo
Aceite
Sal en escamas
Pementón agridoce de la Vera
Pirixel

Co polbo temos dúas opcións: mercalo na peixería e cocelo na casa ou ben mercalo xa cocido en algunha das numerosas polbeiras que se poñen nas rúas os sábados e domingos.
Se o ides a cocer na casa, xa sabedes que ou ben o tedes que mazar ou ben conxelalo uns dous ou tres días, eliminarlle o pico central e limpar ben a cabeza (se non viñera limpa). Poñemos auga a ferver e cando arranque collemos o polbo pola cabeza e metemos na auga e quitamos, repetindo a operación dúas veces mais, cando a auga volva a ferver. Xa na terceira o deixaremos a ferver uns 30 ou 35 minutos. Podemos comprobar o seu estado pinchando cun palillo na parte onde se xuntan os tentáculos. Se xa está, retiramos do lume e deixámolo de repouso outra media hora máis na auga de fervelo.
Se cocemos o polbo na casa, sería moi interesante cocer as patacas na mesma auga de cocer o polbo.
Agora co que imos a xogar é cos outros ingredientes. En lugar de botar o pementón e o aceite polo polbo xa cortado, o que imos a facer é: picamos medio allo (vos saberedes a tolerancia ó mesmo na vosa casa) ou menos e botamos no vaso do batedor, o que queremos é que nos aromatice o aliño non que o invada. Botamos o ovo e unha pizca de sal e traballamos para facer unha mahonesa a que cando colla corpo incorporaremos o pementón ó gusto, pero sen pasarse, e bateremos para a súa completa integración. Probade a facer a mahonesa con istes ingredientes, cas carnes vai estupendamente.
Previamente cunhas ramas de pirixel no batedor e aceite, fixemos un aceite de pirixel que deixaremos infusionar, para logo utilizar o aceite con esa fermosa cor verdosa que toma.
Pois para presentar o petisco, poñeremos na base un pouco do prebe, por riba unha rodela de pataca, unha rodela de polbo, salgaremos con sal de escamas e incorporaremos o aceite de pirixel.
Espero que vos gustara este saboroso divertimento.

Nota: Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades por un destes dous camiños:
No correo:     olivarela@hotmail.es
No Facebock: http://www.facebook.com/boproveito