Ir al contenido principal

De Lires a Fisterra. ¡POR FIN O QM 0!

Onte chegamos a Fisterra. Por fin despois de ano e medio e uns douscentos e pico quilómetros nos pes, asomamos o fin da terra. Sen entrar a valorar os motivos de cada quen, é unha gran experiencia. Quédame pendente facer as etapas seguidas. Xa veremos cando.
Recordo con unha especial emoción a subida a O Cebreiro. O día foi perfecto, a paisaxe espectacular e a medida que iamos subindo a neve facíase máis presente, para rematar de recibirnos un Cebreiro totalmente nevado.
Falas con moita xente, cada quen cóntache a súa vivencia e a súa historia. É curioso pero o que menos importa é o idioma. Recordo parar nun cruceiro a fotografalo e chegou un alemán en bicicleta. Nos sei como pero falamos dos cravos de Cristo, da beleza do cruceiro, claro cada un no seu idioma. Coido que estábamos de acordo, non é broma pero entendémonos.
De cando en vez ía só, e eran dos momentos máis complexos, pois verdadeiramente non ía só, ía conmigo mesmo, e é duro. Tes moito tempo para pensar.
Noutros momentos a paz interior era tan intensa, que a pregunta era por que non podía durar máis e esa maxia tiña data de caducidade.
Quero dar as grazas o grupo no que nos integramos, pois soamente podo ter boas e agarimosas verbas para eles. Grazas a todos. Miguel e a súa compañeira non nos acompañaron nas últimas etapas, máis o motivo foi bastante máis feliz que O Camiño.
En fin que a experiencia foi moi boa e recomendable. Onte, en Fisterra, fronte o mar os sentimentos viñan desbocados. Non sei se non sei explicalos ou non quero facelo e prefiro gardalos.
Grazas a todos os que dun xeito ou outro tiveron algunha relación comigo, tanto os que vou a seguir vendo coma os que soamente foron compaña duns minutos.