Ir al contenido principal

Canas fritidas (Pepe Solla)

Esta fin de semana estivemos por terras de Extremadura, máis en concreto en Cáceres e o sábado fixemos unha escapada a Alcántara, onde teñen unha ponte romana en honor de Trajano, que presume de ser a mellor conservada (a bo fe que parece que foi feita antes de onte), amén dun par de conventos que merece a pena ser visitados. Pois ese día celebraban a festa de matanza ca súa correspondente proba. En fin xa podedes imaxinar o cadro, o colesterol víase saltar por riba dos pratos.
E eu como tiña teima por facer a receita das canas fritas, púxenme a elo o estar de volta e o resultado foi máis que aceptable para ser as primeiras.
Para 8 - 10 persoas imos a necesitar o seguinte:
PARA A MASA
400 grs de fariña
75 grs de azucre
4 ovos
100 grs de manteiga en pomada
2 grs de sal
PARA A CREMA PASTELEIRA
1 lt de leite
200 grs de azucre
100 grs de fariña
4 ovos
a pel dun limón
1 vaina de vainilla
TAMÉN
Aceite para fritir
Azucre

Para facer a masa traballamos todos os ingredientes ata obter unha masa fina e elástica. Estiramos con un rodete de modo que quede moi fina. Córtanse tiras longas e enrólanse nun cilindro de aceiro para darlle a forma a cana.
Fritimos en aceite ben quente ata que tomen unha cor dourada. Deixamos arrefriar, quitamos o cilindro e regamos con azucre.
Para a crema pasteleira poñemos a ferver a leite ca pel do limón e a vaina de vainilla raspada, tapámola e deixámola en infusión.
Mentres arrefría, batemos os ovos co azucre e a fariña. Vertemos esta mestura na leite (xa sen a vainilla e a pel do limón) e cocemos a lume brando ata que teña unha textura cremosa, tendo coidado de que non chegue a ferver. Deixámola arrefriar.
Enchemos as canas con unha manga pasteleira e sérvese de seguido, para que a crema non abrande as canas.
Merece a pena intentalo.